O significado dos álbumes de guerra de Castelao

Isaac Díaz Pardo

Algúns quixeron facernos ver que Castelao era só un artista. Cando morreu hai 45 anos, os que decidían dictaron orde á prensa que falescera un humorista, para adicarlle somentes catro liñas.

Penso que Castelao foi quen primeiro soubo entender a historia malfadada do noso povo, cun rigor na estrutura que aínda non se entende ben hoxe. Castelao propoñía recuperar o que nunhas circunstancias desfavorables nun longo período da historia tiñamos perdido, mais non dun xeito utópico senón posible. El viu que o actual norde de Portugal e a Galiza foron unha mesma nación, no intre en que se formou o noso carácter, continuando a Gallaecia, e que intereses alleos nos teñen partido polo Miño, nos que tomamos vieiros diverxentes, deturpado o noso pola presión de Castela. Mais Castelao non fala de correxir drasticamente este mal, porque a historia ten o seu peso, senón buscar un acercamento posible, sen traumas, dos dous povos que conservan tantas cousas en común, namentres a falla de entendemento e colaboración entre eles é, por demais, unha rémora económica.

Castelao, ademais de saber transmitir ideas coas palabras, sábeas expresar tamén con imaxes gráficas. Pero as súas ideas gráficas non tentan ser esteticistas; todo o que dibuxa ten unha orientación: traballar por causas xustas nas que vai a causa de Galiza, da recuperación da nosa personalidade política.

Os tres álbumes de guerra teñen un antecedente: o Álbum Nós, no que Castelao loita por unha forma constructiva da Galiza en tempos en que non hai guerra pero persiste a opresión caciquil sobre o noso povo. (Por certo convén relembrar unha vez máis que os orixinais do Álbum Nós atópanse en paradeiro decoñecido e estaría ben que algún dos tantos eruditos que temos, capaces de descobrir un cabelo dunha muller do eneolítico, se preocupase de explicar esta perda que fica dentro dos últimos 64 anos).

Os tres álbumes de guerra continúan a mesma liña ideolóxica que o Álbum Nós; a súa diferencia con este é que están feitos nun tempo diferente, cunha confrontación coa violencia desatada polos nemigos de Galiza, ou cando menos polos nemigos da restauración do dereito natural da personalidade histórica da nosa terra.

Aínda que a publicación do álbum Milicianos se fixo en América, un ano despois de saír Castelao da península, non ten dúbida que os orixinais foron feitos en Valencia ou Barcelona apoiando a loita a favor da República.

En canto ao carácter plástico das tres pezas de guerra, hai que sinalar diferencias. Ten poucas dúbidas que Castelao dende o ponto de vista plástico móstrase até o ano 36 como un modernista expresionista, o estilo do tempo no que se tiña formado. Este carácter vai ficar aínda presente no seu primeiro álbum de guerra, Galiza Mártir, destacando, por mor do tema, o expresionismo sobre o modernismo. Mais os outros dous álbumes, Atila en Galiza e, sobre todo, Milicianos, despréndese do modernismo, e o seu expresionismo corresponde xa a unha plástica acorde co seu tempo, no que o tema fica mergullado no espacio compositivo e unha nova técnica.

Luís Seoane pensaba, e eu estiven sempre de acordo con el, que Castelao se deixou influir pola plástica de Arturo Souto, o que máis ben sería unha postura aleccionadora da súa conducta, e, máis que de humildade, de saber adaptarse ao mellor para servir de mellor maneira á súa ideoloxía.

Cómpre só felicitar a todos os que fixeron posible que as estampas dos álbumes de guerra de Castelao chegasen intactas a nós a través das difíciles circunstancias que atoparon, e estender a felicitación a quen fan o esforzo de espallar o seu coñecemento.

1995

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *